O home político Romay Beccaría

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos, un amigo de Ferrol que militou algún tempo no PP díxome, falando de Romay: «¿Recuerdas el rico de la película Río Bravo que, cuando el borracho del pueblo le pide una moneda, la tira a la escupidera para que pringue los dedos al recogerla? Ése es Romay Beccaría». Eu opinaba o contrario e na inauguración dunha mostra de debuxos na Casa de Galicia en Madrid, con participación de Romay, comentei: «José Manuel Romay é sempre tan exquisitamente cordial comigo que na súa presenza síntome en perigo de facerme de dereitas». A gargallada foi colectiva, pero Romay, rindo tamén, negou coa cabeza e co dedo índice. E tiña razón; eu non corría ese perigo, pero o da cordialidade era certo.

Coñecino no ano 1989, cando unha moción de censura o arredou da presidencia da Deputación da Coruña e chamoume para agradecerme a ecuanimidade coa que tratara nas viñetas a súa actuación política. Respondinlle que decidira dedicarme profesionalmente ao xornalismo, con 42 anos, porque sentía que informar con veracidade e humor é un privilexio, e non sabería facelo doutro xeito. Desde entón vímonos poucas veces, pero sempre me pareceron sinceras as súas mostras de afecto; e no ano 2000 demostroumo cando, ao cesar como ministro de Sanidade, encargoume o retrato destinado ao ministerio. Poderíallo facer calquera artista consagrado, pero pediumo a min.

O día 18 Romay presentou na Coruña o libro das súas memorias de home político, cos presidentes Núñez Feijoo e Mariano Rajoy. É un libro para recordar éxitos da súa xestión, como a campaña de vacinación por vía oral contra a poliomelite, que desde a Secretaría Xeral de Sanidade puxo en marcha no 1963 e foi o comezo da erradicación da enfermidade en España; ou desactivar a rebelión de Xosé Luís Barreiro contra o presidente Fernández Albor, no 1986, ao arranxar en poucas horas un novo Goberno.

É tamén un libro para dar testemuño de gratitude aos colaboradores de tantos anos e recordar os enfrontamentos cos inimigos, que en Galicia agromaron no ano 1989, cando Fraga gañou as eleccións autonómicas e el e Cuíña aspiraban a sucedelo. Romay parecía mellor candidato. Era o seu home de confianza, o que estivera con el ás verdes e ás maduras, o colaborador leal e asesor lúcido, e o único membro do Goberno que o tuteaba. Porén, ao se producir no partido a confrontación entre «os da boina» e «os do birrete» -galeguistas e non galeguistas-, Fraga escolleu a boina e Romay volveu a Madrid, no 1996. Foi daquela cando sufriu descualificacións, como a que o comparou co Nathan Burdette de Río Bravo; a mofa do congreso do poleiro; a xenreira de Fraga… Semellaba vencido, pero Romay non se rende nunca e combate sempre, calada, teimuda e habilisimamente. E un día, como nunha fábula con moralexa, os inimigos desapareceran e el, presidente do Consello de Estado, era o político máis influínte en España, con Rajoy na presidencia do Goberno español, Feijoo na do galego, e outros fieis nas presidencias do Congreso, das alcaldías de Coruña e Ferrol; da Deputación…

Estou certo de que se Maquiavelo escribise hoxe, o seu modelo de home político sería José Manuel Romay Beccaría.