Temos moito potencial

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos potencial. Agora necesitamos crer nel e valorarnos un chisco. Si, vale. Galicia vai á cola en moitísimas cousas, e en cabeza noutras negativas, pero tamén principia a iniciativa, a investigación, o estudo... Quizais salienta máis que o consiga xusto cando estamos inmersos nunha pandemia. Pois si. Para os incrédulos, a primeira vacina de España para toda Europa vaise desenvolver en Galicia. Foi a compañía Novavax quen seleccionou ao grupo galego Zendal para o desenvolvemento do seu produto. E aí estamos, liderando o momento. Non, non é que nos adiantemos. É que a vacina vai ir producíndose ao mesmo tempo que segue en vixencia o calendario de ensaios clínicos. Así, se os resultados son favorables, a vacina pode chegar ao mercado o antes posible. 

Organización e coordinación. Ai, que ben irían moitas outras cousas si se fixesen tamén así, deste xeito. Hai outras empresas no territorio español que tamén formarán parte de procesos para a obtención dun fármaco similar, pero a galega vai ser a única que produza o antíxeno. Así que si, imos de primeiros. E non quero que pensen que isto é unha carreira. O que pretendo é que compartan a miña fachenda, a miña confianza, ese orgullo de saber que no noso país hai moito talento. Tan só nos falta valoralo, crer en nós mesmos, apoiarnos e erguer a cabeza. Non deixemos que nola pisen, non o merecemos. Non somos máis ca ninguén, tampouco menos. É algo que deberiamos comezar a aprender, interiorizalo. Temos potencial!