Ellacuría, compromiso social e fe

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

19 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 10, un tribunal da Audiencia Nacional condenou a 133 anos de cárcere ao primeiro dos militares salvadoreños xulgados en España polo asasinato de cinco xesuítas españois no amencer do 16 de novembro de 1989, na Universidade Centroamericana José Simeón Cañas (UCA), en El Salvador. Como se dunha broma macabra se tratase, o coronel xulgado e condenado chámase Inocente Orlando Montano e cando ordenou a execución dos relixiosos formaba parte do goberno como viceministro de Seguridad Pública.

A máis coñecida das vítimas é Ignacio Ellacuría, reitor da UCA e ideólogo da Teoloxía da Liberación, a quen eu admiraba des que, en 1976, lera o seu editorial A sus órdenes, mi capital na Revista de Estudios Centroamericanos, despois que o Goberno, presionado polo poder económico, renunciara a facer a reforma agraria acordada no Congreso tres meses antes. Naquel artigo lembraba Ellacuría que a loita de clases non é un instrumento exclusivo do marxismo leninismo; en El Salvador era cousa da oligarquía dominante e o país sufría a ditadura da burguesía.

Outro integrante do novo movemento teolóxico, o bispo brasileiro Hélder Câmara, comentaba con humor: «Cando dou de comer a un pobre, din que son un santo; cando pregunto por que hai tantos pobres, chámanme comunista». Igual pasaba en El Salvador, onde a represión foi máis violenta cada día. En 1977 os escuadróns da morte roubáronlle a vida ao sacerdote Rutilio Grande e en 1980 ao bispo Romero; Ellacuría viuse na obriga de pasar longas tempadas en España e ao volver a El Salvador, en 1989, nada lle importaba tanto como mediar nun proceso de paz entre o exército e a guerrilla.

O gran amigo galego de Ignacio Ellacuría foi Domingo García-Sabell e a súa amizade estivo fortalecida por unha vivencia compartida e especialmente emotiva. En 1971, cando Domingo sufría a máis grave crise relixiosa das que tivera desde o comezo da Guerra Civil, participou nunha homenaxe a Américo Castro en Madrid, invitado por Carmen Castro, filla de don Américo, e casada co filósofo Xavier Zubiri, máximo contribuínte español á moderna filosofía da relixión. Rematado o acto, Domingo ceou con eles na súa casa e mentres tomaban café, plantexou o problema: Como pode aceptar a razón que un home, Xesucristo, sexa Deus?

Zubiri empezaba a dar unha explicación que Domingo cualificou de «preciosa e marabillosa» cando chamaron á porta e entrou Ellacuría, que viña de El Salvador e incorporouse á conversa. A tertulia adquiriu unha tensión intelectual e emocional tan forte, estaban os tres tan nerviosos e conmovidos, que falaron ata as catro da mañá. Entón Ellacuría dixo: «Esto no puede quedar así. Os propongo que vayamos a una pequeña capilla, de la que tengo llave, y celebremos una misa».

Fixérono e aquela misa, a máis emocionante da súa vida, devolveulle a Domingo a consciencia da fe.

Ellacuría tívoa sempre, de aí a valentía do seu vivir, que bate coa covardía do asasino, incapaz de asumir a responsabilidade no crime.