Pensións, podemos pagalas

Xoaquín Fernández Leiceaga EN LIÑA

OPINIÓN

E. Parra. POOL

16 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O ministro Escrivá compareceu na comisión do Pacto de Toledo explicando a posición do Goberno en relación co futuro das pensións. Fixo unha exposición rigorosa, con afirmacións que noutro contexto serían obxecto dunha ampla atención pública. Me temo que pasaron desapercibidas, engulidas pola avalancha cotián de dramáticas noticias.

Primeira aseveración: o sistema de pensións está en equilibrio económico, con déficit contable. Por que? Porque as contas da Seguridade Social están asumindo gastos impropios (como as bonificacións ás cotizacións e moitos outros) que superan o déficit. A separación das fontes de financiamento (trasladar os gastos impropios ás contas da Administración central, en suma) permitiría equilibrar o sistema. Non se trata dunha operación banal, de simple anotación: modifica comportamentos, desfai incertezas e amplía opcións.

Segunda aseveración: a actualización das pensións vixentes co IPC é unha solución que nos achega aos restantes países europeos. Que ou ben utilizan este sistema ou outro similar, fronte ao 0,25 % de actualización anual (réxime actual) que suporía unha caída insólita do poder adquisitivo das pensións no medio prazo. O ministro non dixo, dígoo eu, que a pensión de xubilación media das novas altas no réxime xeral hoxe sitúase en 1.500 euros. Non parece existir un problema coa contía das pensións, por máis que algunhas prestacións deban ser revisadas.