Desfachatez

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

12 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha interesante palabra castelá, coa súa falsa aparencia de derivada con prefixo des- e sufixo -ez que expresa provocación, saña e desprezo fachendoso, como comprobamos ultimamente as xentes vinculadas co ensino.

Desfachatez foi abrir autoescolas e ximnasios mentres colexios, institutos e universidades seguían pechados, asumindo a infracidadanía das nosas fillas e aceptando o outorgamento temporal canda a maternidade do título de Maxisterio, por obra e graza do Espírito Santo. Desfachatez foi esixir aos docentes que puxeran os seus propios medios para dar clase, ao tempo que se deslizaba a idea da súa consubstancial preguiza, coma se os cargos desde o Conselleiro de Educación ata o último subdirector xeral, ambos incluídos, fosen exemplos estajanovistas. Desfachatez foi derivar a responsabilidade a equipas directivas que, sen instrucións nin descanso, traballaron para abrir os centros de xeito seguro e feliz, quizais porque só elas pensaban na rapazada mentres o presidente perdía o tempo preguntando se os cartos para educación se podían investir noutra cousa. Desfachatez foi non contratar profesorado e mentir sobre iso, cargar os gastos de desinfección ao orzamento dos centros, esixir a cada docente que poña a máscara diaria do seu peto, impedir desdobres e, enriba, pedir paciencia. Desfachatez é cesar a conselleira ante dúas folgas convocadas e poñerse exquisitos cos servizos mínimos agora, coma se non levásemos medio ano coas nenas na casa. Desfachatez é, en fin, obrigar a cativada ir á escola tal como estaba o 16 de marzo, todo a conta da súa saúde. Abráiome da nosa inocencia: votamos hai unhas semanas, cando toda esta desfachatez campaba no ar ao pé do virus.