Hoxe e mañá

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

TINGSHU WANG | Reuters

11 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella que xa hai centos de vacinas experimentais contra a covid-19, e que unha parte delas xa están sendo probadas en humanos. E tamén semella que, malia as presas, as vacinas non chegaran a nós, os mortais, até «mediados do 2021». Iso é o que di a OMS hoxe. A ver que di mañá.

Antonte había unha esperanza na vacina de AstraZeneca e a Universidade de Oxford, e agora supoño que será na de BioNTech-Pfizer, ou na de Johnson & Johnson, ou na de Moderna... Pois iso é o que sabemos hoxe. A ver que sabemos mañá.

Hoxe e mañá, hoxe e mañá. Acho que, como sociedade, nunca tivemos tan claro que as cousas poden cambiar tan radicalmente de hoxe a mañá. Cada día hai un novo exercicio de cambio, no cotián e no xeral, no individual e no colectivo. E despois de seis meses seguimos pensando que a vacina contra a covid-19 devolveranos as nosas vidas, e que mentres non chegue pois só queda esperar, e de paso aprender hoxe o que teremos que desaprender mañá. Pero non sabemos nin como nin cando chegará, nin como de efectiva será, nin que faremos cando veña a seguinte versión dalgún outro virus...

Hai días, coma hoxe, nos que comezo cunha espiral de preguntas que sempre empezan por «e se»: «e se enferma o Xan?», «e se non chegamos?»... Preocúpome por todo, e de súpeto esquezo que o único xeito que teño de avanzar é apartando moitos deses pensamentos e imaxinando que mañá será outro día. Hoxe e mañá. Hoxe e mañá.

A posible vacina da covid-19 é unha esperanza para a sociedade, pero se deixamos que a tristura, a impotencia e a desesperación se asenten nas nosas vidas, non haberá vacina no mundo que poida curar os nosos males.

Cantas cousas se poden sentir nun só día...