Clases confinadas

OPINIÓN

A. Rosillo | Europa Press

09 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes meses de confinamento, unha boa parte do profesorado houbo de reestruturar a súa metodoloxía para poder achegar parte dos contidos e o seu coñecemento ao alumnado. É evidente que unha boa parte de docentes non estaban preparados para unha situación de emerxencia en que as aulas deixaron de ser presenciais e houbo unha enxurrada de exercicios online onde o profesorado apenas puido aprenderlles a materia e resolver as súas dúbidas en directo, deixando ese papel de intermediario a uns pais que, dalgún xeito, tamén se converteron en mestres. Talvez o profesorado que mellor se zafou non foi o analóxico, pero un sospeita que a educación recibida por estes medios non foi mellor que a que podería ofrecer un profesional afastado das novas tecnoloxías. Que lle pregunten aos directivos das empresas tecnolóxicas de Silicon Valley que envían os fillos a colexios analóxicos.

Aquí hai unha obsesión en poñer o foco sobre a pouca preparación dixital do profesorado, coma se aí radicase o principal problema da educación. A tecnoloxía non pode ser unha substitución da escola e moito menos do profesorado. Haberá que apostar no futuro pola innovación, que non consiste en levar as metodoloxías vellas ás novas ferramentas, senón en erguer novas ideas para lle aprender ao alumnado a construír o coñecemento por si só. Nun caso de novo confinamento e urxencia, máis que asoballar ao alumnado e ás familias para que descarguen e proben unha morea de aplicacións, habería que dotar de medios a toda a comunidade educativa e construír unha plataforma común e potente onde todo o profesorado, en especial o analóxico, poida dar as súas clases e crear unha dinámica de interacción co alumnado. Ese sería o mellor investimento para un posible confinamento neste curso.