É o dereito a vivenda!

Antón Gómez Reino EN LIÑA

OPINIÓN

monica ferreiros

05 sep 2020 . Actualizado a las 00:55 h.

Estamos vendo como se intenta crear unha alarma social sobre unha cuestión, a ocupación de vivendas que, mesmo de existir da forma que algúns intereses tratan de mostrarnos, non supón un problema estrutural nin en Galicia nin no Estado. Falamos da a ocupación de primeira vivenda. O obxectivo semellaría claro: que vivamos con atención unha problemática que, alén de puntual e amplamente tratada na orde lexislativa, legal e punitiva, en absoluto é o problema máis importante ao que nos enfrontamos como sociedade. Así intentan conseguir cambios lexislativos como na crise de 2008. A saber, amplificar un problema, empurrar ou mesmo tratar de alterar a percepción da opinión pública e propor cambios lexislativos para favorecer novamente o ciclo especulativo, e amparando os desafiuzamentos, volver a un sistema que non coloca o dereito a vivenda no centro das políticas públicas.

Onde si existe un problema que afecta a unha inmensa maioría da poboación é nas consecuencias que ten a acumulación de propiedades por parte de fondos de investimento, encargados de mercar os principais inmobles no centro das cidades para elevar o prezo do aluguer. No caso galego, os prezos disparáronse case un 30 % en tan só 5 anos, chegando ao 50 % en cidades como A Coruña. Parece evidente que o problema non é unha porcentualmente apenas inexistente ocupación de primeira vivenda. O problema, máis ben, parecería ser a falta de ferramentas para posibilitar e regular un mercado do alugueiro de forma razoable, así como as dificultades, estás si estruturais, que teñen as administracións para garantir este dereito fundamental.

Como pode ser que ante un contexto como este, desde unha administración con amplas competencias en materia de vivenda, como é a autonómica, o saldo de vivenda pública da Xunta sexa de 17 en 2017, 8 en 2018 e tan só 4 en todo 2019? Parece que máis alá dunha tendencia á estigmatición das familias ou persoas con dificultades para o acceso normalizado a vivenda, os datos dinnos que a maioría dos casos de ocupación corresponden a inmobles baleiros que son propiedade da banca, inmobles que se ocupan fundamentalmente por familias con escasos recursos que o fan por falta de alternativas ocupacionais.

A determinados grupos de poder non lles interesa que o Goberno de coalición no Estado desenvolva medidas que consoliden o dereito á vivenda: freo á suba abusiva do prezo do alugueiro, o fomento dos pisos de carácter social ou a prohibición de que os fondos voitre exploten vivendas de protección pública. Lexislado e garantido como está o dereito a propiedade de todo cidadán, esmerémonos como sociedade e como administracións públicas en garantir de forma efectiva o dereito a vivenda. Así si, gañaremos en cohesión social e, como opinión pública, en tranquilidade.