A metamorfose

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CARLOS RUEDA

03 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Era o último sábado de agosto. Eu saía dun proceso «gastroentérico», ou algo así, que me comera as entrañas e o ánimo. Repousaba no sofá da casa contemplando o Tour. Todo melancolía. Pola mañá, para librarme dos rigores melancólicos, quixen facer o habitual: periódicos, algún libro, río. Fun ao pozo Señoritas, como cada xornada. Sentei. Paseei. Lin. E sen querer apareceron os fantasmas que aquel lugar encantado convoca. Falarei de todo isto noutra ocasión. Ponse unha pedra no peito e non podo escribir. Regreso. Sofá. Tour. Pitan na cancela. Qué alegría. Era o Paco Mariló. Levabamos semanas sen vérmonos. Abrín. Falamos. Noteino áxil e espigado, delgado, saudable. É a dieta, díxome. Contoume que se coidaba máis que nunca. Peitugas de pavo, alimentos sen graxa, ensaladas, nin gota de alcohol. El, que vía algo verde e botaba a correr. Ti debías facer o mesmo, dixo. Xa o fago por imposición médica, contestei. Logo relateille o meu proceso gastroentérico, perturbador. Faloume da metamorfose. Eu abrín os ollos. El, que tardou moito tempo en collerlle gusto á lectura de novelas, falándome de Kafka. «Emociónasme, amigo», díxenlle. De seguido volveu ser o Mariló que sempre foi. «Qué Kafka nin qué Kafka!», berrou. A metamorfose da que falaba era a que el mesmo estaba experimentado. «Son outro, neno», insistiu. Todo aquel cambio alimentario, asegura, procurou nel uns efectos insospeitados. Non podo relatalos nesta columna, pero aseguro que resultan magníficos. «Na vida non todo é viño ou chuletón. Na vida tamén hai poesía», declarou. Naquel momento volvín prestar atención ao Tour de Francia. O Mariló, sen dúbida, estaba burlándose de min. Era o último sábado de agosto.