Feísmo emocional

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

DIPUTACIÓN FORAL DE ÁLAVA

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É cousa miña ou estamos todos un pouco máis sensibles do habitual? Non hai un feito concreto que corrobore a miña teoría, pero na pouca (ou case nula) vida social que estou a ter estes días, voume atopando constantemente con pequenos momentos incómodos, cheos de irascibilidade, que non son necesarios nin conducen a nada, e que non son máis que o produto dun cúmulo de emocións negativas. Esas emocións que, sen querer, estamos a contaxiar os uns aos outros, provocando así unha reacción en cadea que fai que, ao final, acabemos todos malencarados.

Hai uns anos, o filósofo e neurocientífico Antonio Damasio comentaba nunha entrevista que «as emocións son un xeito moi intelixente de impulsar aos organismos cara certos resultados»; e eu sempre me preguntei que é o que facemos, como sociedade, para educar (ou simplemente entender) esa parte de nós que tan poderosa é e que tan lonxe nos pode levar: a emoción. Se nun momento coma este, de total incerteza individual e colectiva, aínda por riba nos deixamos levar por esta especie de feísmo emocional que nos rodea, entón está claro que os resultados cara os que iremos non serán bos. Hai cousas que non podemos solucionar, pero se perdemos a paciencia e a comprensión (e as formas!), entón si que non hai esperanza.

As emocións son tan contaxiosas coma o coronavirus, e nestes tempos nos que todos sentimos algunha forma de medo, eu simplemente desexo poder lembrar estas palabras de Damasio cada vez que o medo me paralice e me faga esquecer a empatía: «O amor, a compaixón e a gratitude son emocións e son forzas para o ben. Só as emocións negativas como a ira, o odio e o desprezo son destrutivas...».