Entusiastas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

M.MORALEJO

Vivimos nun mundo de aparencias, proclamaba Einstein, o capataz da teoría da relatividade. Pura filosofía: nada é absoluto nin real. Masa e enerxía gardan equivalencia, aseguraba. Quizá por iso vivimos tempos terribles: as equivalencias da física carecen de pertinencia. Os sabios, tamén. Tempos vacuos que se traducen na imposición amoral da frivolidade. A frivolidade como sistema. Falta músculo emocional. Digo que faltan entusiastas: eses que inventan unha ilusión cada día para sobrevivir. Eu adoro aos entusiastas. Nada me seduce máis. Serán os anos. Voume facendo maior e miro o pasado. Por iso sei que as ilusións pagaron a pena. Que en todos os fracasos repousaba un hálito de felicidade. Que en cada caída iluminaba o violín da esperanza. As ilusións pagan a pena. Nesta fin de agosto, especialmente. O desánimo pisa con pés de púas/cristal/navallas a alma dos humanos. Algúns meten a tristeza na maleta e regresan ao seu lugar de outono. Abandonan Galicia bonita e chove sobre nós a chuvia violeta da melancolía. Chove mansamente como se fose unha mazurca de acordeón. Chove por dentro, que é o único lugar onde perduran as augas innobres do desconsolo. Por iso reclamo este xoves aos entusiastas e os seus entusiasmos. Entusiastas que nos devolvan a fe no futuro (aínda que o futuro perdeu a fe). Unha sonatina de xílgaros para cantar á dama ausente da alegría. Adoro aos entusiastas, repito. E polo tanto solicito que aparezan entre a néboa desta fin de agosto que parece, a pesar do sol, inverno. Precisamos máis que nunca aos entusiastas. Aos que ven rosas onde todo é negror. Non falo de optimistas. Senón deses que fan máis grato o presente. Aínda que todo sexa mentira.