Saltar ao baleiro

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Saltaron. Supoño que o fixeron por medo a seren descubertos no seu agocho. Fuxían do seu país. Subiron a un cargueiro. Cruzaron o océano.

E o medo asaltounos no último instante. Estaban en plena manobra de atraque no porto. Se daban con eles ao chegar... que pasaría? O último que desexaban era volver ao seu país de orixe, dese que fuxiran porque as condicións de vida eran terroríficas.

Así que decidiron saltar. O peirao estaba tan preto que non querían que se lles estragase o soño de pisar unha terra que os respectase máis cá propia. Calquera risco era mellor cá repatriación.

Non contaron co remuíño que provoca a manobra. Nin con que a auga se lles metería por dentro da roupa e faría que os seus corpos fosen pesados. Levaban con eles os bens máis prezados. Non imaxinaban que o mar chama desde o máis profundo.

A súa salvación estaba tan só á distancia dun salto e unhas brazadas. E nese minúsculo espazo, esfumouse. Perdeuse débil coma o alento. Apagouse o brillo do soño ao mesmo tempo ca o da vida.

Tan só quedou aboiando o barco. Os corpos dos cativos perdéronse na profundidade.

Fáganse unha idea. Un barco desa envergadura asusta. Mirar cara ao mar desde a proa do mesmo ten que causar vertixe. Imaxinen o horror do que fuxiran para non pensar en lanzarse ao abismo.

Eran tan só uns nenos. Uns nenos que xa sufriran en exceso. E o paraíso pechoulles as portas a piques de entrar. Estes son os verdadeiros dramas. É tempo de exame de conciencia e deixar de protestar por nimiedades.