O rei da porta

OPINIÓN

10 ago 2020 . Actualizado a las 18:31 h.

De pequeno xogabamos ao fútbol e ninguén quería pórse de porteiro. Era un lugar relegado á marxinación, aos que menos maña tiñan coa pelota ou aos que non querían quedar fóra do grupo. Algún ano xurdía algún con vocación de gardameta, inspirado en Iríbar ou en calquera outro heroe que se prestixiaba nos cromos, pero a norma xeral era que a ninguén lle interesase o posto. Lembro un veciño, negado para o deporte, moi miope, un pouco fantasma e excelente en matemáticas, que teimaba en ocupar a portería para facer as estatísticas do seu propio fracaso. Apoiados no seu apelido e en certa ironía, alcumabámolo o Rei. Anotaba nun caderno todos os goles que lle marcaban e mesmo presumía do número encaixado. No fondo, a súa participación era institucional. Fóra dos partidos, gabábase de ser porteiro e falaba dos nosos éxitos coma se el fose o maior artífice. E poida que dalgún xeito as nosas vitorias se cimentasen na súa debilidade atrás, porque nos obrigaba aos demais a esforzarnos para compensar o burato da nosa portería. Un vez estivo enfermo e xogamos sen porteiro, non tanto coma homenaxe á súa ausencia senón porque ninguén lle quixo disputar a titularidade, e o certo é que non o botamos de menos porque el tiña a facultade de facer a portería moito máis grande do que en realidade era. Pasaron os anos e todos esquecemos os goles marcados, as vitorias sobre outros equipos, mais o Rei garda o caderno coma proba daqueles resultados tan avultados e segue a pensar que todo o acadado foi grazas a el. Agora que vexo tremer unha das estruturas do Estado por mor do rei emérito, dalgún xeito penso que talvez o papel deste para acadarmos a democracia foi o mesmo que o do meu veciño miope para gañarmos os partidos.