Borges sen a máscara

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | Efe

10 ago 2020 . Actualizado a las 18:31 h.

Jorge Luis Borges dixo que o ser humano é a súa memoria. Trabucouse. O ser humano son os seus bares, as súas discotecas, os touros a rebentar, o fútbol e os concertos nos que te animan a sacar a mascariña. Borges pensaba no Aleph con toda a súa trascendencia. A xente do común pensa na tapa de tortilla e en facer botellón da maneira menos trascendente posible. Como se non estivésemos aquí xogándonos, literalmente, a vida. Borges dicía que o paraíso era unha enorme biblioteca. A xente normal coida que o paraíso é poder ir ao fútbol arreconchadiños uns contra doutros, así veñan máis gromos de covid-19. Borges cría na memoria. A xente, segundo semella, moita memoria non ten.

Neste intre no que en nada empeza de novo o curso escolar, no que se volven pechar ás enteiras de hospitais no verán, no que o monte segue sen desbrozar en plena campaña de incendios, comprobamos, e pon medo comprobalo, que a nosa memoria, esa que dicía Borges que era o propiamente singular da especie humana e o que constituía unha persoa, é estremadamente fráxil, tanto, que xa nin se fala das cousas que nos deberían preocupar. Xa ninguén lembra os aplausos ás 8 da tarde. Xa ninguén lembra aqueles discursos expresados en fermosos debuxiños de infantís artistas nas ventás coa lenda, poética e esperanzada, «todo vai saír ben». A memoria, si, é fráxil. Máis o gusto do goce é fresco. Por iso a policía desmantela botellóns a diario, por exemplo.

Cando todo isto comezaba, pero xa ninguén ten memoria, diciamos que había que aproveitar a situación para buscarmos un mundo diferente. Máis ecolóxico. Máis humano. Máis slow. Máis consciente. A memoria é tan fráxil, por moito que lle doa a Borges, que neste momento o que ocupa e preocupa a unha boa parte da cidadanía é saber cando van ter que deixarse de cumprir as normas... para volver ao que xa había.

Sen dúbida, perdemos unha oportunidade histórica de facer un mundo novo. Poderiamos dicir que unha especie de alzhéimer social nos borrou a memoria a todos. Pero en realidade non ten nada que ver con iso. En realidade é que no fondo non queremos mudar nada. Nunca o crimos de verdade. Falabamos de derrubar este sistema baseado no consumo, no individualismo, no egoísmo monetario. Mais seica somos, precisamente, egoístas. Queremos o noso. Consumir. Gozar do inmediato. Aínda que todo iso reincida no desequilibrio planetario. Aínda que o Quencemento Global poida aniquilarnos. Aínda que acabemos con todo.

Borges, desmemoriado, xa non se recoñece a si mesmo. Vaga polos labirintos infinitos da Biblioteca de Babel. Sen máscara e abrazando a todo o mundo.