Querer, quero moitísimas cousas. Quizais demasiadas. Ou non. A saber! Xa non estou en disposición de pensalo con certa cordura. É o que ten pasar a vida dentro dunha burbulla, que unha xa dubida con tanta naturalidade coma respira.
Con todo, o confinamento converteuse nunha peneira, e deixou os quero con maiúsculas bastante definidos.
Quero ir á praia, pasear e sentir o vento salgado nas meixelas, no pelo, nos poros da pel. Quero abrazar á cativada máis próxima, ver como xogan coas miñas fillas. Quero apertar aos meus amigos, á familia, a quen me enche o corazón. Quero sentar no medio dunha praza e ver a vida pasar. Quero que se faga de noite ou de día sen decatarme.
Quero ir ao médico se me atopo mal, sen ter que alongar o malestar por medo a contaxiarme ao saír. Quero desexar un traballo sen sentirme culpable por iso. Quero que regrese o curso escolar. Pensarán vostedes que quero volver aos tempos anteriores ao covid-19. Si e non. Quero sentirme así de libre, pero sendo moito máis responsable. Pensaba que poderiamos logralo. Pero despois de tantos rebrotes, queda bastante claro que aínda falta moito por aprender. Conste que esta nova onda de afectados non me sorprende, pois en todos estes meses, ademais de sentirme profundamente orgullosa de moita xente responsable e solidaria, tamén me escandalicei polos que non eran nada obedientes coas normas de civismo. Non se trata de vostedes, trátase de todos os demais.
Todos temos moitos quero. Volverán cando cumpramos os debo.