Gaivotas

OPINIÓN

MARTINA MISER

28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando comezamos a saír do confinamento unha das cousas que máis me chamou a atención foi ver as gaivotas paseando pola estrada principal, peteirando no asfalto cunha confianza desprevida, alleas á volta desa nova normalidade humana que puña outra vez os coches na rúa e espantaba ese espazo que elas xa crían ter usucapido. Agora volveron aos tellados e o seu axirir aguzado ten algo de queixa infantil por nos veren ocupando as rúas coa mesma ruidosa euforia de sempre, iso si, neste misterio de máscaras e entroido sucesivo. Mentres escribo vexo unha gaivota loitando contra o vento, debuxando un voo demorado, preguiceiro, até conseguir pousarse no caleiro do tellado que teño enfronte do meu cuarto. Os seus ollos vidrosos miran para min con interese, coma se estivese medindo un desafío ou agoirase algo que a afectase. Talvez sospeite que estou confinado de novo e aspire a verme todos os días aquí, escribindo sen máscara, renunciando a un exterior que debería de lle pertencer. Hai algo premonitorio na súa ollada porque nestes últimos días suspendéronnos na familia varias viaxes e as alarmas dan en saltar con continuos abrochos de virus que minan os mapas. Recoñezo que cada vez hai máis xente coa máscara, que a sociedade está a aprender a convivir co virus, pero tamén reparo na irresponsabilidade dalgunha xente moza e outra non tan moza que vai por libre, que se nega ás normas e rexeita a máscara facendo uso dunha liberdade un pouco caprichosa e ridícula que o único que fai é subliñar a súa insolidariedade e a falta de compromiso cos demais. Agardo fallar no prognóstico, pero, se non se endurecen as medidas para con esta xente, as gaivotas axiña han campar pola estrada principal.