A escola primaria

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais non somos conscientes do importante que é o primeiro achegamento. Certo é que non debemos quedar só coas primeiras impresións que nos causan... pero igual de verdadeiro é admitir que esa lembranza inicial pode ser determinante.

Raúl (Ríos), Adrián (Ovidiu) e Miguel Ángel (Boado) son tres rapaces que estudaron no IES Ordes. Non é a única coincidencia entre eles, conforman tamén o top de mellores notas da ABAU este ano.

Van estudar cousas diferentes. Curiosamente os tres decidiron achegarse a disciplinas de ciencias. E tamén coinciden en que recibiron unha homenaxe por parte do concello.

Gústanme estas cousas. Porque non sempre é sinxelo ser profeta na terra e non sempre se valora o esforzo, a educación ou a cultura. É por iso que me agrada todo o que rodea este caso.

Pero se hai algo que me fai vibrar o corazón especialmente é o desexo de dous deles de que asistiran á homenaxe a que fora a súa mestra de primaria. Ben por ela, que seguro tivo moito que ver na querenza deles polo saber. E ben tamén por eles, que non esqueceron eses primeiros pasos e a axuda prestada no inicio do camiño.

Lembro á miña nena asistir ao primeiro curso, ansiosa por non chegar tarde, por atoparse coa súa profe, desexosa das descubertas que facía a diario. Sentíase protexida, coidada e importante, un ser especial.

O máis importante que aprendeu foi a ser parte dun grupo, a relacionarse, a respectarse, a seguir a chamada da curiosidade... Gran formación!

Grazas, mozos, por non esquecer o inicio.