A opinión dos maiores

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jesús Hellín

Coméntame unha persoa que a chamaron por teléfono para facerlle unha enquisa sobre as próximas eleccións. A primeira pregunta que lle fixeron foi a idade. Tras responder, déronlle as grazas pola súa amabilidade, pero xa non continuaron co proceso porque «temos cuberta a cota para maiores de sesenta e cinco anos».

Ata aí todo ben, salvo porque me explicou que isto non é a primeira nin a segunda vez que lle pasa. Chaman, preguntan se lle poden facer unhas preguntas (de distinta índole) e, ao coñecer a idade, xa non precisan o seu parecer.

Daquela, esa persoa (e eu mesma) pregúntase se será certo, porque son moitas coincidencias. Realmente teñen en conta a opinión dos maiores, ou non interesa? Se nos atemos á pirámide de poboación galega, os de 65 anos en diante aínda ocupan unha chea! Máis ca os novos! Non é un grupo fácil de cubrir. Se preguntasen aos rubios de ollos verdes e con seis dedos nunha man, igual con un bastaba en representación, pero os maiores... que queren que lles diga! Alén dos números, habería que ter en conta que son motor de moitas economías domésticas e, polo tanto, motor do país. No caso desta enquisa en concreto, a opinión non lles interesa pero... e os votos? Ai, iso si.

As novas xeracións son as da vangarda, pero estaría ben beber do pasado. Saber de onde vimos é necesario para ver a onde queremos chegar. Os maiores, ademais, teñen ese pouso da vida que os da sociedade moderna non interiorizamos. Está ben falar, pero imos ter que re-aprender a escoitar.