A bomba da pandemia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

IVAN ALVARADO

30 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non levamos unha semana de normalidade e hai rebrotes. Alguén dubidaba de que ía acontecer? Non podemos fiarnos da responsabilidade, da conciencia, de sermos sociedade. Como tampouco imos esperar que a xente vaia mercar á tenda do barrio todo o que aforrou, nin gastar máis dun peso do obrigado en libros, nin recuperar os cafés que non consumiu. A normalidade debera empezar agora, pero estivemos a xogar cunha bomba e pode estoupar en calquera momento.

 Aínda queda moito por vir. As consecuencias da covid tardarán en verse e sentirse. Posiblemente as que máis preocupen sexan as económicas. Van ser duras e afectarán a moitas actividades e persoas. Alén diso, estarán as culturais, as educativas, as sanitarias... Estaría ben que entenderamos que somos unha sociedade e que só podemos formala en grupo. Isto significa uns con outros, non uns sen os outros.

Ao comezo da pandemia estaba claro. Unha onda de solidariedade invadiu as rúas. Pero quizais foi o único que asolagou, a rúa, e non os interiores das casas e das xentes. Rematou e cada un volveu ao seu. Xa non se mira ao de enfronte. Non resoan os ecos das palmas, o sorriso do veciño ou a mirada cómplice na ventá ao teu carón. Esquecémolo. Pero a conta atrás segue e... a bomba pode estourar. En calquera intre.