Trump «versus» Feijoo

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Igual que Trump está convencido de que o seu muro en México freou a entrada do covid nos EE.UU., onde xa hai máis mortos que na II Guerra Mundial, Feijoo cre que fixo algo para que o coronavirus galego fose cousa menor. Non é o único paralelismo entre ambos: marabíllame dos dous a capacidade de correr un veo sobre as verdades a través dunha retórica tan básica coma efectiva entre os seus votantes, e tan insultante coma simplona para uns rivais que, malia iso, non logran contrarrestar toda esa vacua altanería. Isto non di nada bo deles, pero tampouco desa oposición adormecida, incapaz de contrarrestar con feitos, lóxica e carisma un discurso que xa nin sequera é posverdade, senón posmentira.

 Pouco ten isto que ver coa división da esquerda, ese mantra co que xustificamos as nosas carencias. Ten que ver coa súa incapacidade para saír do riquiñismo, da actitude de alumno aplicado incapaz de compensar a xenial macarrería do paspán do fondo que só aproba Relixión, pero é o sex symbol das adolescentes. Os socialistas creron que, aceptando a demonización das esencias que os facían nobres, conseguirían uns votos que se esvaeceron nesa aurea mediocritas que os dereitiza cada vez que coquetean co centro.

E o nacionalismo galego, pouco hábil para lavar na casa os trapos sucios, deixa que sexa Feijoo quen, na mellor tradición fraguista, lle coma as papas na cabeza co discurso territorial, agora que todos sabemos que lle preocupa máis Galicia que Madrid. Con estes vimbios, tamén aquí Trump conseguiría a terceira maioría absoluta. Mesmo a cuarta. Aparecería coma o Cid, morto pero dicindo estar vivo, e creriámosllo.

Polo menos o coronavirus nos fai o favor de que os alardes de cadaquén duren a metade. Comeza o espectáculo.