Medalla Castelao para el Real Madrid

OPINIÓN

29 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, a Xunta anunciaba a concesión das medallas Castelao 2020 á atleta Ana Peleteiro, ao presentador Xosé Manuel Piñeiro, ao grupo musical A Roda, ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, e á xornalista Pilar Cernuda.

 As medallas Castelao, creadas en 1984, recoñecen o labor de persoas ou institucións que dentro e fora de Galicia teñan feito unha obra de interese para Galicia. A súa entrega é un acto importante, pero sen tirón popular, nada que ver coa gran festa que é, por exemplo, o Día das Letras Galegas. Ademais, a hipertrofia da nómina de premiados resta importancia aos elixidos: desde os tempos de Albor, as medallas son repartidas a discreción, chegando ao seu máximo en 1995, cando con Fraga e Pérez Varela se concederon doce medallas. Nesa época, no programa de humor de Radio Voz, Corre, Carmela, que chove!, un suposto D. Manuel (o actor Xacobo Pérez) vociferaba: «Pérez Varela, 10 quilos de medallas!»

Hai certa reticencia na sociedade galega contra estes excesos, contidos só no período 2006-2009, con Touriño na Xunta. Coa chegada de Feijóo, a cousa regresou ao anterior.

En relación cos premiados este ano nada que dicir de Ana Peleteiro, conciencia activa na defensa da lingua, nin por suposto de Súper Piñeiro, querido como poucos pola sociedade galega; ou do grupo A Roda, que popularizou cancións como O miudiño, ou das asociacións do Camiño, que fan unha labor altruísta encomiable.

Máis chamativa é a concesión á xornalista Pilar Cernuda, nacida en Compostela (porén, o seu pai era de Cádiz), pero con toda a súa vida profesional en Madrid. Algúns poderán pensar que ela non merece a medalla que leva o nome do eterno rianxeiro, pero están equivocados! Que non dedicou a Galicia nin un só dos seus libros? Xa, pero entrevistou varias veces a Fraga!

Eu propoño que a Xunta siga nesa liña, e que o próximo ano lle conceda a medalla Castelao ao Real Madrid. Razóns non lle faltarán: unha lexión de seguidores en Galicia, xogadores galegos que militaron no seu plantel (Buyo, Miguel Ángel, Michel Salgado, o inmortal Amancio...), técnicos como Arsenio e xestores como Fernández Trigo. E incluso presidentes do club, como Luis de Carlos, que veraneaban en Viveiro. Que máis se pode pedir? Sempre haberá quisquillosos que se opoñan a esa concesión, xente da cáscara amarga, pero eu grito con todas as forzas Real Madrid, medalla Castelao xa!