A vellez

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa antes de facer cincuenta, Simone de Beauvoir estaba obsesionada coa vellez. Dáballe voltas a un libro que finalmente publicou aos 62, onde indicaba que un dos retos da sociedade do século XXI sería o envellecemento da poboación. De Beauvoir vía unha relación entre vellez e perda da dignidade, e facía un chamado visionario en favor do amor polas persoas maiores e da súa comprensión fóra do sistema capitalista, pois este é a causa da indignidade: como xa non producen, non nos importan, e a serenidade propia da vellez choca co consumismo esaxerado do capitalismo, que esixe produtividade a todos os seus membros. Cincuenta anos despois vemos que tiña razón: que facer coas persoas maiores cando a súa saúde xa non lles permite ser a man de obra gratuíta que atende os nosos fillos, cociña para nós e sostén os nosos vaivéns económicos? A pandemia demostrou que estamos dispostos a sacrificalos.

As cifras de mortos ata hai pouco dábanse aludindo á idade nunha noxenta insinuación que restaba importancia aos mortos de máis de 75 anos. Expiamos así un medo atávico, coma se ese virus fose ignorarnos aos novos mentres teñamos anciáns para ofrecer. Con razón temos pánico á vellez, ao abandono do corpo, á soidade, á desmemoria e a un país que só considera esas persoas se hai eleccións. Nunca son unha prioridade ética.

Dicía Beauvoir que inventamos as categorías do «vello tolo» e o «vello sabio» para non consideralos persoas, pero a vellez non deixa de estar, por moito que a aniquilemos coa nosa tendencia a agachar as vergoñas baixo a alfombra. Somos así de idiotas, e non entendemos que axiña estaremos aí, incluídas todas na exclusión, seguramente mortas ás mans da nosa propia estupidez inmoral.