Orgullo e terra

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

18 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinto orgullo de ti e por ti, Galicia. Galicia de luz que nos ilumina. Luz de Galicia que non permite que se instale a negrura da dor constante e os constantes oprobios, a destrución ou deconstrución do noso mundo. Mundo feliz, sen distopía caníbal. Galicia brillo. Mar dos mares, océano, verdor cinguido. Somos. Fomos. Seremos. Galicia. Demostramos ao mundo o valor de Nós, agora que Nós cumpre cen anos. Primeira comunidade autónoma en saír da presión da alarma (abenzoada sexas, liberdade) e regresar á vida cotiá: iso que os ideólogos de Madrid denominan «Nueva Normalidad» marcando territorio de discurso e relato (diría Lakoff). Galicia e os galegos, que son os protagonistas deste éxito colectivo. De todos. Menor índice de letalitade neste andazo cruel e destrutor. Número de contaxiados, menor tamén: a pasada semana era de 0,41 por cada 100.000 habitantes; no resto de España, 3,69. Porén, non son os números o contido desta columna, senón o sentimento. Sentimento de satisfacción, pundonor, honra. O deber cumprido. Os galegos souberon estar á altura das circunstancias. É a nosa historia, en realidade. Fronte á adversidade, coraxe. Fronte á carencia de sentido común, o noso sentidiño. Este xoves quero levantar a bandeira de Nós, como nunca antes o fixera. E gritar ao mundo que aquí fixemos as cousas ben. E, a pesar da ira e o rancor dalgúns, sentírmonos oufanos e compracidos da xestión desta crise brutal. Oufanos e compracidos por bogar nun barco con dirección, destino a Fortuna. Quedan moitas batallas por librar. Sabemos cómo. Os galegos non defraudaron ao país e o país non defraudará aos galegos. Nunca. Orgullo de ti e por ti, Galicia. Terra. Nós.