Volven os libros

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

XOÁN REY

De certo nunca se foron. Seguen aí, pousados nos andeis da biblioteca, amoreados ás veces enriba da mesiña do dormitorio, pacientes amigos, agardando quenda ou oportunidade, e nos estantes das librerías, por suposto, que son a primeira ponte comercial entre a creación e a lectura. Onte inaugurouse en Compostela a 39 edición da Feira do Libro, a primeira de Galicia despois deste período de obrigada clausura, disque a primeira de España e mesmo de Europa logo do confinamento. Seis casetas. Cinco librerías e unha editora. Non son moitas. Hai un aquel de resistencia heroica na iniciativa, promovida pola Federación de Libreiros e o Concello da cidade, mais tamén de vontade e de esperanza, porque como dicimos moitas veces nestas mareas a vontade é parte esencial da transformación da realidade adversa. Sen vontade non somos nada. Dicíao o poeta Eliot: «ao ser humano pertence o intento», o resto vén da man dos deuses, ou da fortuna, que é caprichosa.

Volven os libros e en realidade non se foron nunca. Segundo os observatorios de consumo cultural, a lectura (clásicos e contemporáneos) foi a práctica máis común da cidadanía nestes últimos tres meses, lixeiramente desprazada só polo consumo masivo de series ou produtos audiovisuais nas plataformas da Rede. Detrás de uns e de outras está o relato: o discurso da vida, que ás veces tamén é reflexión, porque sen discurso (sen relato) tampouco existimos, ou non nos encontramos a nós mesmos.

Antes definín as librerías (moi conscientemente) como pontes comerciais entre a creación e a lectura. Os libros como obxecto de comercio. Están tamén as bibliotecas, certamente, fundamentais na relación cos lectores. Mais a actividade da librería, alén do servizo de información e consello, que tamén, presenta outra dimensión que cómpre subliñar, non só no que atinxe ao libro senón ao conxunto da produción cultural: o prezo da cultura. Digámolo doutra maneira: a necesaria retribución (retorno económico) que os creadores, produtores e distribuidores necesitan para desenvolver o seu labor, para existir, e por tanto para que poidamos gozar (enriquecernos) do seu traballo. Falo de creadores (eles e elas), tradutores, editores, deseñadores, ilustradores, impresores, distribuidores, mediadores culturais… Todos forman parte dunha cadea que alimenta o proceso e na que cada elo depende do anterior. Neste meses de reclusión obrigada a cultura desempeñou un papel de extraordinaria importancia no desenvolvemento da nosa vida persoal e colectiva, das nosas relación co mundo exterior, mesmo da nosa saúde mental. Os libros son pezas valiosísimas. Pero son tamén o resultado dun proceso que non sempre consideramos, e que tendemos e encher de retórica politicamente correcta, no canto de baixar á prosa de cada día, que é a que nos dá de comer.