Preguntar pola aperta

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

TRACY FRIESEN

Cando vexa aos avós, podo darlles unha aperta? A pregunta debuxoume o brillo nos ollos e imposibilitou que os beizos se despegasen no sorriso. Leva días soñando que pode viaxar libremente. Sabe perfectamente cando comeza a fase 3 e os cambios que isto leva aparellado. Ten 7 anos. Fíxoos no medio do confinamento, foi un día especial. Máis ca nunca.

É asombrosa a naturalidade coa que aceptan a situación os máis cativos, a responsabilidade coa que se moven. Non acatan as normas sen entendelas. Preguntan, valoran, e entón obedecen. Se poden facelo os nenos, que é o que está pasando cos maiores? Si, falo de todos eses que se xuntaron antes de tempo, que cruzaron provincias e fronteiras sen necesidade nin xustificación. Igual pensades que os demais non temos sentimentos, que non temos ganas. Claro que temos! Non imos ter! Pero, amais de todo iso, contamos tamén con empatía e obriga moral.

Amodo coa fase 3. Coidado cos posibles brotes do virus. Mellor preguntarnos se podemos e debemos apertar. Hai moitas maneiras de amosar afecto e compartir, temos que afacernos ás novas. E ir pouco a pouco. Non estraguemos todo o que nos custou tanto conseguir (cando menos a algúns!). Non esquezan que o persoal sanitario está totalmente esgotado, non soportarían (física e mentalmente) outro revés así. O de sempre, non fagamos pagar a xustos por pecadores.