O virus voa en bolboreta

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No crecemento natural desta pandemia o coronavirus espallaríase exponencialmente, infectando e matando todo o que puidese e, cando xa fixese todo o dano posible, empezaría a decaer. Un pico natural. Na sociedade moderna iso non ocorre: informámonos, temos medo, tomamos medidas e o virus esvaece porque lle cortamos os camiños de contaxio. O pico que se acada é artificial e, o máis importante, o momento da súa aparición e a súa intensidade dependen do noso comportamento como sociedade. É posible predicir como nos imos comportar nos vindeiros meses? Iso, sumado á exponencialidade, fai que calquera mínima variación nas condicións iniciais de contaxio provoque grandes variacións nas simulacións matemáticas que se poidan facer da súa evolución. Un efecto bolboreta, análogo ao da predición meteorolóxica. Non se pode calcular hoxe se choverá en Vigo o 7 de agosto. Haberá que esperar ao inicio de agosto para facer predicións, tras tomar presións e temperaturas no maior número de lugares e a maior cantidade de veces posible.

Para as predicións da pandemia o fundamento é parecido. Entre os datos poderían estar os de presenza de coronavirus en augas fecais, xa que, antes de enfermarnos, seica pode colonizar primeiro o aparato dixestivo. Así, cando imos ao retrete e tiramos da cadea, mandámolo polo sumidoiro mentres aínda estamos sans. Se nas análises das augas fecais se empeza a notar un aumento de concentración de coronavirus, iso quere dicir que hai moita xente que empeza a telo na barriga, e aos poucos días parte desa xente empezará a enfermar e encher hospitais.