Asfixia

Bernardo Penabade FIRMA INVITADA

OPINIÓN

María Pedreda

04 jun 2020 . Actualizado a las 21:33 h.

E. S. T. son as iniciais do nome e apelidos dunha persoa real que naceu no tránsito entre os séculos XX e XXI nunha illa do Atlántico africano. Con 14 anos feitos, tivo a fortuna de que unha familia se comprometese a darlle acollida na nosa terra para que puidese estudar e desenvolver o potencial que se sabía que tiña. Así comezou a súa aventura intercontinental. Poucos días despois da aterraxe, chegou ao novo centro educativo para matricularse no curso que estaba a puntiño de comezar e coñeceu o protocolo: por idade corresponderíalle entrar en 4.º da ESO, mais -debido ao que lle chamaron «desfase curricular»- sería escolarizado dous cursos máis abaixo, en 2.º.

Lonxe de se desanimar por non ter entrado no grupo da súa promoción, E. S. T. centrouse no estudo e superou primeiro o curso ponte e despois o seguinte e o seguinte máis, e alcanzou o título da ESO. Con el na man, propúxose un novo reto: alcanzar o título de bacharelato. Incluso máis: E. S. T. matriculouse na Escola de Idiomas e aínda buscou tempo para colaborar durante dous anos nun voluntariado que lle esixía un compromiso continuado. O caso é que co esforzo propio e con diversas axudas foi superando os obstáculos e chegou á meta.

Despois de conseguir unhas meritorias cualificacións no primeiro curso do bacharelato e alcanzada a maioría de idade, no horizonte apareceu unha preocupación: os papeis (non aqueles onde plasmaba os traballos e os exames, senón os burocráticos), e no aire manifestáronse dúbidas e preguntas que apenas atopaban resposta legal a unha situación vital e persoal cada vez máis definida: «E se chega a aprobar no instituto e non pode presentarse ás probas de acceso á universidade?». Aínda que non quixese ou non puidese facer estudos superiores, era como deixar un proceso inacabado, e por iso comezou a peregrinación na procura da salvación-documental. Neste contexto superou as ABAU -algo que teoricamente era difícil-, mais non así a tramitación do papelame legal -o que debería ser máis fácil, tendo en conta os máis de cinco anos de residencia entre nós e a súa exemplar incorporación á sociedade de acollida-.

Os atrancos para acceder á documentación legal deron finalmente con outra discriminación que E. S. T. viviu coma unha labazada burocrática: non puido solicitar ningunha axuda ao estudo e tivo que pagar integramente a matrícula, sen a posibilidade do fraccionamento ofrecido ao estudantado en xeral. Con todo, o máis rocambolesco aínda estaba por vir: o 4 de marzo deste ano, do século XXI, recibe unha comunicación oficial na que se lle anuncia que o prezo dos seus estudos, dada a súa falta de regularización como europeo comunitario, ascendía a 3.696 euros con 97 céntimos, e non os 638 euros do prezo convencional. Desta vez a labazada pasou a chamarse violencia institucional.

Esta historia non é ficción nin é individual. Na mesma situación de E. S. T. hai centos de mozas e mozos que agora viven na nosa terra, onde sabemos ben o duras que son as migracións. As barreiras burocráticas tamén producen asfixia colectiva, e bloquean un optimismo e unha capacidade de esforzo que tanto necesitamos.