Nova normalidade

Arantza Portabales
Arantza Portabales FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Ricardo Rubio - Europa Press

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai meses escribía nestas páxinas sobre unha nova que falaba de que os chineses vían os amenceres nunha pantalla dixital porque a contaminación non lles permitía ollalos. Unha realidade que semellaba distópica pero que se tornou en realidade na nosa nova normalidade. A escola, o noso traballo, as reunións familiares… Todo transcorre xa dentro dunha pantalla.

 Nova normalidade.

Non acabo de afacerme a ela. Non me parecen normais os aplausos das xentes nos seus balcóns para loar aos nosos sanitarios, cando pola porta dos xulgados comezan a entrar as denuncias daqueles que consideran que estes non fixeron ben o seu traballo. Tampouco mo parece a angustia dos autónomos. Lembro as verbas da miña antiga compañeira de escola, Amaia, perruqueira en Donostia, durante os primeiros días do estado de alarma: «Sinto que aos autónomos nos quitaron o respirador para darllo a outro». Semanas despois non sei se as medidas para autónomos foron efectivas ou non, pero sei que moitos pequenos comercios non volverán abrir. Tampouco é normal a angustia da miña sobriña Idurre, co seu bar, que ten que sobrevivir co cen por cento de gastos e un trinta por cento da capacidade. O mesmo poderiamos dicir de cines e teatros. Non me parece normal ver ao meu amigo Alfredo, un inmunólogo de prestixio, ser cuestionado por un «tertuliano» e obrigándoo a facer consideracións políticas. Ben, isto último non é de todo certo, hai tempo que a ousadía da ignorancia pasou a ser algo normal. Non me parece normal a miña vida de agora, onde amoso os meus afectos con distancias. Non me parece normal ser unha holografía. Presentacións e clubs de lectura por ordenador, festivais virtuais. O proceso de dixitalización da nosa vida acelérase. A nova normalidade pixela a nova realidade. Non é normal vivir con medo. Non somos máis fráxiles do que eramos: é só que adquirimos conciencia desa fraxilidade, e iso resulta arrepiante. Aprendemos tamén que somos seres sociais cunha responsabilidade colectiva. E, coma sempre, e isto é común á vella e á nova normalidade, gústanos xulgar aos demais dende a atalaia dos nosos balcóns. Penso no meu amigo Manu, e no seu fillo con trastorno de espectro autista, e nese debate estéril sobre os brazaletes azuis cuxa única finalidade era lembrarnos o que nos gusta ser xuíces cando non somos parte.

As limitacións do número de caracteres impídenme continuar. Todos temos a nosa lista de anormalidades. E tamén temos a outra. A das cousas boas que sairán deste confinamento, deste aprender a querer dende a distancia, desta nova conciencia social. Non o dubido. Pero esa análise resérvoa para cando esteamos afeitos a esta realidade, na que todo é novo, e nada, ou case nada, é normal.