Improvisando o futuro

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

22 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña que tomar unha decisión profesional complexa, unha decisión cuxa resposta tería moi clara nos tempos de antes da covid-19. Deille mil voltas. Fágoo, non o fago. E finalmente, tras moito matinar, decidín que este é un momento excepcional que nos obriga a tomar decisións excepcionais.

Entón comecei a pensar no feito de que quizais unha xa non poida orientarse pola escala de valores previa, pois a realidade na que se construíron eses valores simplemente xa non existe.

Vinte dous anos como profesional da música, 12 como docente, 10 como produtora, 6 como columnista deberían servir de algo. Pero agora cambiou o medio, e con el cambiaron as calidades necesarias para sobrevivir nel; esas calidades que tanto nos custou nutrir e que agora semellan irrelevantes. Escribir estas columnas é a única das miñas profesións que non cambiou; as demais nada teñen que ver co que eran.

Estamos a facer cousas que antes nunca fariamos (levar máscaras, gardar as distancias...), cousas que nin sabemos como se fan, e que imos aprendendo segundo avanzamos. En tódalas profesións, en tódolos tipos de vida, todos estamos a aprender algo cada día. Quizais iso sexa o máis fermoso deste momento histórico.

Por iso, neses días nos que parece que a experiencia vital dunha xa non importa, tento pensar na idea de que todas esas calidades que tanto nos custou desenvolver pódense transferir a esta nova etapa. Só hai que ir probando, ensaio/erro, improvisando, até que deamos coa nosa «nova normalidade particular». Pois a única ferramenta que temos para construír o noso futuro é esa: non perder a esperanza e seguir improvisando xeitos de sobrevivir co que somos.