Loito na nobre oratoria mundial

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Julio Anguita y Xesús Alonso Montero, antes de un mitin en 1999
Julio Anguita y Xesús Alonso Montero, antes de un mitin en 1999 XOÁN CARLOS GIL

16 may 2020 . Actualizado a las 19:08 h.

A poucas persoas admirei tanto, admiración que só en moi pequena medida se debe ás nosas coincidencias políticas. Cando Julio Anguita compareceu, de cheo, ante a opinión pública española, eu dediqueime, como un entomólogo da Política, a oílo, a velo e a examinalo coa máxima atención. Non tardei en ser un aspirante a experto naquel fenómeno novo e deslumbrante onde a súa oratoria, douta como a dos vellos xuristas romanos, era un prodixio de documentación, rigor, coherencia e fondo sentido didáctico. Era un explicador, que é máis ca un comunicador. Había que selo, forzosamente, nun mundo onde a estratexia audiovisual imperante obrigaba a comunicadores públicos como Julio Anguita a poñer o acento unha e outra vez en certos feitos e en certos modos que, explicados polo moderno Séneca cordobés, eran entendidos por algúns e reaprendidos por moitos.

Foi tildado, como era de supoñer, de profesor rancio que aproveitaba calquera tribuna -a do Parlamento ou a do mitin- para «colocar» a súa lección de vello mestre de escola. Agora ben, na oratoria política imperante -e abafante-, o seu discurso era unha faísca moi luminosa que non deixaba indiferentes nin sequera aos oíntes de dereitas que non perderan un certo sentido do humanismo. Pero é certo que era unha pingada no océano, unha agulla no palleiro. Ou pouco máis.

No seu día, quizais axiña, cando se resolva, sanitariamente, o do coronavirus, e teñamos que abrir, no mundo enteiro, un inmenso debate polifónico sobre as deficiencias radicais que existen aínda nos países máis avanzados, supoño que algúns discursos e outras intervencións de Anguita terán que ser reexaminados nas cátedras universitarias dignas de tal nome. E serán reexaminados non só polo seu rigor e polo seu íntimo latexo pedagóxico senón polo seu esencial radicalismo. Porque, onte coma hoxe, ante eivas radicais, hai que ser radical sempre, radical no seu sentido etimolóxico latino: radical -non necesariamente extremista- é o que vai á raíz (radix) das cousas. As palabas do explicador Julio Anguita tiñan, para os oíntes de mente non codiciosa ou perversa, un sustento ético que as impregnaba de auctoritas: eran as palabras proferidas por un verdadeiro orador, por un orador tal como o entenderon, na vella Roma, Catón e Cicerón: «Vir bonus dicendi peritus» (home bo experto no falar, na arte de dicir).

Co orador Julio Anguita vivín varias experiencias en mitins de Vigo, Santiago e Coruña, e sempre o público, que entraba convencido, saía máis convencido, tamén polo xeito artístico que non pode estar ausente de ningún tipo de oratoria. Porque era un artista da palabra nobre, da palabra que puña faíscas brillantes para os seres humanos que padecen a historia mentres outros a fan pro domo sua. Oín a súa voz por última vez, telefonicamente, o 23 de setembro de 2018. Foron ducia e media de palabras de pésame, pero, unha vez máis, ditas co xeito debido e sen deixar de ir á raíz das cousas.