Enfermeiras en precario

Aurora Magán DECOTÍO

OPINIÓN

Álvaro Laforet / HM Hospitales

Florence Nightingale, considerada a precursora da enfermería profesional moderna, naceu un 12 de maio de 1820. Por esa razón, o noso colectivo profesional conmemora cada 12 de maio o noso día. Tamén o fixemos no 2020, que foi declarado pola OMS o Ano da Enfermeira e a Matrona. Houbo actos institucionais, aplausos e recoñecementos varios. Mais nun momento no que parece que por fin a sociedade nos está a valorar esas loanzas institucionais seguen a ser soamente iso: loanzas. O persoal de enfermería en Galicia continúa a ter unha das peores ratios enfermeira-paciente e segue a soportar unha gran carga tanto física como emocional, agravada aínda máis, se cabe, nesta pandemia. Ninguén a estas alturas descoñece xa o que son os EPI e o que significa a falta dos mesmos para o persoal sanitario. Só na nosa comunidade, case 2.000 profesionais da saúde contaxiámonos do covid-19.

Por outra banda, á problemática que per se posúe a profesión súmase, no noso caso, a da eventualidade. Estar un día aquí e outro alá complica o noso traballo e as nosas propias vidas. Levamos un ano reivindicando a nosa situación, que se viu empeorada nos últimos anos e que estourou en plena crise sanitaria.

Pregúntome se, agora que todo o mundo é consciente de que somos unha peza clave no sistema sanitario, a ese 40 % de enfermeiras que traballamos en precario se nos recoñecerán por fin os nosos dereitos para que así poidamos coidar con garantías. Pregúntome se os agradecementos que se fixeron desde os despachos virán acompañados de feitos ou se serán soamente iso, agradecementos «do día de».

Respóndome que, pase o que pase, nós habemos seguir aquí, realizando a nosa función da mellor maneira posible ao pé das camas. Mais tamén afirmo con rotundidade que habemos seguir reivindicando unha mellora da nosa situación laboral, que vai relacionada directamente coa calidade dos nosos coidados, e polo tanto coa calidade da atención que recibides os e as nosas pacientes.