E no rural?


No rural estamos a vivir o confinamento máis ou menos ben, pero esquecidos coma sempre. Seguimos coa incerteza do que vai acontecer no vindeiro curso académico, e tamén no final deste. Semella que os alumnos, non todos, van volver ás aulas en menos dun mes, e aínda non están establecidas as condicións dese retorno, seica complicado.

Ás carencias -patentes dende o primeiro día do illamento no intento de continuar coa formación a través dun sistema dixital, isto é, sen medios tecnolóxicos, sen formación tanto dos alumnos coma do profesorado e dos pais, e que non fixeron máis que incrementar as desigualdades- temos que engadir outro factor do que depende en gran medida o ensino no rural: o transporte escolar. Estamos a falar, na maioría dos casos, de microbuses e taxis, que, ademais, coa nova normativa de transportes son compartidos co resto da poboación.

Realmente é sensato seguir compartindo vehículo coa xente maior, que agora mesmo son o colectivo máis vulnerable? Recordemos que a poboación do rural é unha poboación moi envellecida. No rural tamén precisamos seguridade.

Somos plenamente conscientes da gravidade e da complexidade desta situación, pero as familias precisamos solucións e que estas non leven a ninguén por diante. Falamos de nenos, pero tamén de condutores; non de empresas de transportes, das veciñas e dos veciños que mercaron os vehículos para ter unha posibilidade de seguir no rural contando con eses ingresos e que, por certo, levan sen cobrar dende o día que pecharon os colexios, e non van cobrar, xa que nos seus contratos pon ben claro que é por día traballado.

E precisamos instrucións concretas que garantan a seguridade da volta ás aulas, sexa cando sexa, no transporte, pero tamén no servizo de comedor, na convivencia nas aulas, nas zonas de recreo... Nos colexios do rural non temos, na maioría dos casos, unha ratio moi grande, máis ben pequena. Será máis fácil a organización, pero esta ten que existir.

?No transporte escolar do rural, é sensato seguir compartindo vehículo coa xente maior, que agora mesmo son o colectivo máis vulnerable?

Por Isabel Calvete Vicepresidenta da Confederación ANPAS Galegas e axente forestal

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

E no rural?