Inmortais

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

08 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Saímos a pasear e, de súpeto, todo mudou. «Que fas, Maruxa? Estou a escoller un sitio para que o Xan me faga unha foto». Os camiños están cheos de belidas flores salvaxes, e a entrada das casas da miña aldea son pequenos xardíns botánicos. Está todo fermoso. Camiñamos e camiñamos, e a verdade é que nin sequera falamos moito. Iamos as dúas mirando a todas partes, coma turistas na nosa propia terra. E se algún comentario rachaba ese máxico silencio, era para eloxiar a forza da natureza: «Mira como busca o sol; as raíces e os regatos sempre atopan o seu xeito de sobrevivir».

Durante estes sesenta días xuntas pasamos por unha morea de estados anímicos. Ela, eu e o Xan. Ás veces, a incerteza levounos á ansiedade por non saber cal era o seguinte paso; pero esa mesma incerteza tamén nos fixo abrazar o feito de que, en realidade, nunca soubemos cal ía ser o seguinte paso.

Hai días nos que penso que todo isto é unha paréntese, na súa definición matemática: «Signo empregado para illar unha expresión e indicar que unha determinada operación debe realizarse coa expresión completa», e tento ilusionarme coa idea de que, unha vez solucionada esta operación, poderemos continuar coa ecuación da vida. Pero son consciente de que esta paréntese de tempo e espazo terá consecuencias permanentes nas nosas vidas, e que até que pase non seremos capaces de adaptarnos.

Pero pasiño a pasiño faise o camiño, e así, falando por teléfono cun amigo do meu defunto pai (que morrería de novo se soubese que os bares están pechados), o Luisín compartiu comigo a mellor frase que escoitei neste tempo, a que lle berrou o Orentino dende o enreixado: «Se sobrevivimos a esta, é que somos inmortais!».