Se puidese

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

07 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Con goma de borrar, borrar todas as tristezas. Si puidese. Estar cos meus amigos arredor da mesa brindando, rindo, cantando cancións en sol maior. Se pudiese. Dicirlle ao Paco Mariló que non se adiantase á guitarra, que agardase, espera, Mariló, espera a que o Tavito dea a entrada, espera, e que o Mariló non fixese caso e entoase posto en pé unha balada con letra orixinal (como todas as cancións do Mariló): «Dónde estás corazón, no oigo tu meditar, es tan grande el ardor, que me pongo a cantar», cousas así. Se puidese. Regresar ao 30 de xaneiro de 2020, cando a OMS emitiu unha alerta de emerxencia internacional co motivo da expansión do virus, e ter o teléfono particular do ministro de Sanidade e dicirlle, señor ministro, estas alertas son competencia directa e automática do ministerio que vostede dirixe segundo a Ley General de Salud. Se puidese. Volver ao 3 e ao 11 de febreiro cando a OMS, perante o avance do virus, instou ás nacións a abastecerse de material sanitario e volver chamar ao ministro, por favor, non diga iso, ministro, non diga: «España tiene suficiente suministro y equipos personales de emergencia en este momento». Se puidese. Gritar que é inxusto que deteñan a un señor que pasea co seu can no medio do monte mentres que non deteñen aos que mercaron mascariñas defectuosas e as distribuiron provocando, só en Galicia, setenta e seis contaxios. Se puidese. Proclamar que foi doloroso non poder despedir a un ser querido, só tres persoas, mentres nun plató de televisión vespertina hai ducias de persoas (sete en pantalla). Se puidese. Pensar que todo isto é un pesadelo. Que imos despertar. Que non pode ser certo. Non pode ser. Se puidese.