A nota media como única medida do coñecemento

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

21 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non serei eu quen reste importancia á nota como medida dos resultados académicos, pero nesta crise descubro asombrado que acabou por converterse na única medida da educación, a aprendizaxe e o coñecemento. Outro máis dos descubrimentos do confinamento a que estamos forzados. Pode que para algúns esta constatación non supoña tanta novidade. As crises son sempre reveladoras de problemas que non eran ben percibidos, e este acaba de desvendarse en toda a súa dimensión. Cando comezaron a EXB e o BUP era común entre estudantes e profesorado cuestionar a obsesión pola nota, debater a forma en que os docentes nos aprendían e sobre como moito do que aprendiamos dentro ou fóra das aulas non podía formar parte das cualificacións dos exames. Os tempos de mudanza e liberdade obrigaban a cuestionar. Nas catro décadas que pasaron dende entón deseñáronse mecanismos para intentar repercutir na nota final todas aquelas destrezas, actitudes, valores e aprendizaxes diversos en que pode descompoñerse a educación. Se alguén pensou que o conseguiramos, hoxe poderá comprobar que apenas se logrou acrecentar ata o colmo a preocupación pola media do expediente como medida finalista da educación.

Algo fixemos mal na educación cando nos debates destes días, a propósito de como resolver o remate deste curso crebado polo confinamento, parece imporse en todo o sistema educativo un xeito de mercantilismo académico só preocupado pola avaliación, as notas, as medias. Pouco parece importar o coñecemento, a formación, o traballo. Magoa ver os argumentos dalgunhas organizacións de estudantes, de pais e nais (sen entrar na representatividade), de organizacións sindicais e partidos de esquerda, obsesionados coa nota e o expediente individual. Por moito que se adorne con retórica de igualdade, toda a reflexión conduce á avaliación e aos seus efectos no expediente como preocupación principal, como único e último interese. Nesta especie de capitalismo académico, inzado de lóxicas de mercado e valores da sociedade de consumo, a nota vén sendo coma o prezo do produto. O valor definitivo de todas as cousas, incluídas a aprendizaxe e o coñecemento.

Hai catro décadas, a capacidade de ler criticamente, de cooperar facendo traballos colaborativos na aula e fóra, de ser solidarios cos que non «daban o nivel» -por usar unha horrible expresión de entón- e de debater na aula (sobre ovnis, aborto, liberdade de expresión, homosexualidade) formaban parte do currículo que nos inventaron aqueles entusiastas docentes. Nada diso entraba na nota, pero entraba na formación. Daquela, coma hoxe, por fóra da nota circulan moitas outras capacidades e destrezas que permiten progresar na vida e no traballo, por moito que a titulite compita co coñecemento na práctica académica e laboral. Por moito que o efecto do 2.º de bacharelato como o curso que muda o interese por aprender e aprenderlles en interese por esa nota media que avalía a docentes e discentes se ciscara por todo o sistema. E, porén, tamén estas semanas puidemos apreciar dende videoconferencia doméstica a outra e positiva cara dun alumnado interesado por seguir aprendendo e dun profesorado póndose ao día en métodos descoñecidos para poderen traballar a distancia. Hai camiño.