Hai unha sensación de patio de cárcere cando a xente sae ás ventás a aplaudir ao persoal sanitario. Cadaquén na súa cela, e todo ese espazo vedado diante. Antes de pecharen as fiestras, botan unha ollada ao ceo como lugar inaccesíbel onde non voan os virus. Logo, confinados nuns poucos metros cadrados, a vida limítase a ler, ver a tele, comer, se cadra facer algo de exercicio nun confín do salón. Algunha desas persoas pensará antes de deitarse que, en realidade, Internet non é xanela ningunha ao mundo nin expresa para nada a liberdade.

Nos cárceres tamén hai corentena. A esas persoas presas que levan sempre unha vida semellante á que todas levamos agora, desde hai días, non lles permiten a única xanela ao mundo que posuían: as visitas. É un risco brutal un virus nun cárcere, e, coma sempre, sufrirán máis a soidade, a pobreza, a exclusión e a falta de medios. Esas cousas que agora nos fan tan iguais, tan culpábeis, tan excluídos a uns coma aos outros. Aínda así, seguramente a maioría dos que aplauden seguirán ollando á xente dos cárceres por riba do ombro. É natural crer que só os demais merecen castigos.

Eu, confeso, non aplaudo aos sanitarios porque xa merecían os aplausos cando ninguén os aplaudía, antes de que un estúpido virus nos fixese ver que somos vulnerábeis e dependemos deles, como dependiamos cando recortaban os servizos de atención primaria máis básicos e se nos enchía a boca falando de privatización, e tamén aplaudiamos. Eu aplaudo unha das poucas cousas en que creo: a xustiza poética, pola cal a xente, trasladada de súpeto a un patio de cárcere, aprende unha lección esencial: a liberdade non é algo que se obtén se se merece, senón algo que posuímos por dereito.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

Reclusión