É necesario mirar as cousas con perspectiva. Cando me custa facer isto, penso nos que xa non están, como a miña madriña, o meu avó ou a avoa Josefa. Entón imaxino que farían eles na situación que me custa enfrontar. Quizais sexa un bo exercicio para os que agora nos laiamos continuamente pola pandemia do coronavirus.
Eles, que pasaron fame, frío e escaseza, que foron á guerra ou se agocharon no monte para non ir, que emigraron ou non quixeron facelo, que se amañaron como mellor puideron para xuntar catro pesos e coidar fillos, netos e ata bisnetos... eles obedecerían. Seguramente se entristecerían ao pensar que, despois de tanto tempo e dos avances aos que tiveron que adaptarse, o mundo non ten progresado tanto como se nos fai crer. Pasamos da gripe, tuberculose ou sarampelo ao coronavirus, pero o problema vén sendo o mesmo.
Eles, que saben de vida e morte, obedecerían. Baixarían a cabeza, pensarían que isto non tiña por que ocorrer e quedarían na casa. Estarían atentos ás noticias e farían o que ditase a conciencia social, porque a tiñan.
Que é isto en comparación a estar a miles de quilómetros, sen comunicacións, despois de viaxes que levaban días enteiros de percorrido? Que é isto ao lado de pasar meses agochado no monte para non ir á guerra, sen que a familia saiba se estás vivo ou morto? En que se asemella unha batalla contra un virus a unha disputa con armas de fogo?
Os que xa se foron, os que non están, seguen a darnos leccións. Pensemos neles e sexamos responsables.