Un día menos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

19 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para abrazar e para que te abracen. Un día menos. Para que a rutina, ese lugar onde habita a felicidade (aínda que non o pareza), regrese. Para non contemplar a vida tras un televisor, noticia a noticia, como se o mundo puidese caber nunha pantalla. Para que as noticias non sexan sempre malas noticias. Un día menos. Propúxenme facer do optimismo unha bandeira nestes días tráxicos: crónica perpetua de sucesos. Un acopio de amarguras. Facer do optimismo un lugar que habitar, aínda que custe esforzo e traballo e ansias. Non estamos sós. Talvez nunca estivemos máis xuntos. Non é momento de pasar facturas nin contas. É momento de unírmonos e unir. De cumprir, para que cumpran con nós. É momento de mirar cara adiante. A fin do túnel está máis preto de ti. Queda un día menos para que rematen as tebras. Virán outras, pero non serán as mesmas. Tocará apertarmos o cinto dos números e das contas. Pero seremos capaces. É tempo de luz, no medio da escuridade, pero luz. Obviar o rancor. Pero tamén, aprender. Aprender, recordar. Lealdade, toda; memoria, tamén. Os que consentiron e alentaron que este virus despregase a súa infantería de dor. Os que dicían: «No existe riesgo de infectarse». Chámase incompetencia. Cómo esquecer aos comunicadores que pedían saír a rúa a pesar do coronavirus. Os que facían da burla o seu pan e circo. Non esquezamos. Pero non é momento. Toca saber que queda un día menos para que un alalá de bicos conquiste praias e alamedas e verdor, Galicia adentro. Para crecer, madurar, coñecer as cousas que en verdade importan: o amor, principalmente. Para tocar, acariciar, reino da tenrura. Para abrazar e para que te abracen. Queda un día menos.