#eusonresponsable

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Joaquin Corchero / AFP7

18 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis ca nunca é tempo de redes sociais. Quen me coñece xa sabe que teño unha relación de certa distancia con elas. Poden ser beneficiosas e tamén facer moito dano. A información que deberamos compartir, humor á parte, debera ser só de fontes oficiais. Creo que sería unha boa maneira de ser responsables e axudármonos entre todos. Tamén podemos obviar as críticas, insultos e linchamentos por uns días. Que lles parece se facemos corentena de maldade e mala fe, de egocentrismo e política? É certo que hai iniciativas moi boas. Cancelos marabillosos e emocionantes, ideas e ata material de balde que axudan a facer máis agradables as horas. Abrolla a solidariedade. Pero... ten data de caducidade? Moito me temo que a memoria será, coma nos ten afeitos, fráxil. Aos dous días de que isto acabe, quedará pouso suficiente? Iremos mercar á tenda do lado para que recupere mellor as perdas? Pagaremos por ler un libro, escoitar un concerto ou iremos ao cine para que nos conten unha historia que nos faga vibrar? Aboaremos o mes completo desa clase de música, deporte, pintura ou idioma a pesar de non poder asistir a ela por mor do coronavirus?

Cambiemos o #eusondamnificado por #eusonresponsable. Isto temos que superalo entre todos, ou non nos superaremos como sociedade. Non perdan perspectiva. Quen nos está ameazando a existencia é un virus microscópico que se abastece do ser humano mentres acaba con el. Parécelles que somos vulnerables? Tomen nota e sexan responsables. Esa é a valentía.