O 9 de marzo é o primeiro día do resto do tempo. É o día de chegar ao traballo, acender o ordenador e comportarse. Na mañá do 9 de marzo, por exemplo, vostede que me está lendo podería pensar se traballa nun coto para cazar un bo polvo. Pregúntese por que cre que esa compañeira dos escotes e as minisaias non debería acudir así á oficina. Pensa o mesmo dese rapaz que contrataron hai un mes e semella non ter máis ca bermudas no armario? A semana do 9 de marzo tamén é boa para lembrar: aquela moza que facturaba tanto e pasou a media xornada en canto tivo un fillo, esoutra que organizaba as ceas de Nadal e deixou de acudir en canto casou, ese grupiño do café que leva a conta dunha competición sexual apuntando cantas compañeiras van caendo nun caderno que mercaron entre todos. O 9 de marzo podería vostede pensar cantas veces foi de putas como forma de agasallar un cliente ou de pechar un trato, e tamén se algunha compañeira foi convidada a tan honrosa celebración. Sería un bo día para pensar se namorou, saíu ou simplemente parveou con alguén no traballo, e, dependendo do seu xénero, compararse cos do xénero contrario. O 9 de marzo podería pensar naquel caso de acoso de hai uns anos en que vostede temperou gaitas falando de presunción de inocencia porque «era compañeiro»; é bo día, tamén, para lembrar se pensou que a acosada tamén era compañeira e preferiu non crela.
Pode ser que vostede fose o día anterior a unha manifestación. É posíbel, tamén, que berrase consignas e escribise nun cartón «Stop patriarcado». Pero ser feminista non é máis ca unha forma de xustiza social que comeza o 9 de marzo, vale para homes e mulleres e non acaba nunca.