A rotonda pantasma

OPINIÓN

21 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, como saben que son de Xinzo e na vila xa estamos metidos no espírito do entroido, todos me preguntan pola rotonda pantasma que se lle apareceu de súpeto a un veciño, xusto na recta, case á altura dos institutos. A cousa, que podería ter a súa graza, se non levase emparellado un posible delito por quintuplicar a taxa permitida de alcol, aconteceu case á media noite, cando o infractor levou por diante a rotonda e deixou o coche en estado de sinistro total. Por sorte, non houbo que lamentar ningunha desgraza persoal e o individuo, que andaba ás tornas, con máis peso na cabeza que nos pés, teimaba unha e outra vez que cando ía cara a Xinzo a devandita rotonda non estaba, pero á volta seica si. E preguntábase, abraiado, quen diaños a puxera alí, se non sería unha dilixente cuadrilla de chinos. Evidentemente, a xente que andaba pola zona esmendrellábase coa risa porque a ocorrencia do borracho facíalles graza. Descoñezo a identidade do mozo que andaba de trisca e se pode enfrontar a unha pena de prisión de seis meses, amais da retirada do permiso de conducir, pero si son consciente de que a anécdota, por moi esperpéntica que sexa, agacha certa benevolencia cun problema tráxico como é o alcol, que todos os anos apaña moreas de mortos nas estradas. No pasado tamén bebiamos, e moito, coa diferenza de que talvez iamos bebendo mentres nos divertiamos, e poucos tiñan coche. Agora bébese deseguido, para divertirse axiña, cando o único que se acaba facendo, coma o protagonista da rotonda, é divertir os demais. En fin, veñen días de exceso e convén ter siso porque tamén hai festa sen alcol. E estou certo de que no entroido alguén aproveitará o caso para argallar unha rotonda portátil que moverá máis dun risa na nosa vila.