Non damos saído do circo

OPINIÓN

Ricardo Rubio - Europa Press

17 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Infelizmente, espectáculo circense foi o da semana pasada no Congreso dos Deputados. Unha boa contribución ao populismo máis barato e un contundente empuxe á cidadanía para que, una vez máis, non se sinta representada polos seus políticos. Ou sexa, un bo exemplo do que a política nunca debe ser.

 

De crer o que suxiren as sondaxes -sinalan que máis do 80 % dos votantes estiman procedente, nuns casos moi concretos, recorrer á eutanasia-, mal se pode comprender que unha opción política con posibilidades de goberno vote en contra do que pensan ou queren boa parte dos seus votantes, que rexeite o proxecto presentado polo Goberno sen propoñer medidas alternativas, para melloralo, e que, ao cabo, recorra ao insulto, á mentira e a xesticulacións de mal gusto.

Ou sexa, que esa é unha boa maneira para que a xente non se sinta representada polos señores Abascal, Echániz e outros, os que, ademais, insultan a esa maioría partidaria da eutanasia acusándoa de asasina, de máquina de matar e outras lindezas. Porque esas acusacións comprenden tamén, queirámolo ou non, aos partidarios ou votantes.

Vese que Vox forza á dereita a irse cada vez máis ao monte. Pero esa é unha servidume que a dereita non viu ou non quixo ver, ou non lle importou o que por Europa adiante se leva. Contribuíron á creación do monstro e agora o monstro revírase, séntese forte e non vai ser moi doado non contar con el.

O peor é que, unha vez máis, a política é substituída polo circo, e que o afastamento dela orixina e crea posibilidades para que os monstros se vaian impoñendo. O que non deixa de ser acto de irresponsabilidade sabendo como se sabe o que pasaba e pasa polo mundo adiante. Unha frivolidade, ou pode que unha novatada, que a todos nos pode custar moi caro.