Blanco Amor a carón dun aparato de radio

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

O mundo celebra estes días os primeiros cen anos de explotación informativa e comercial da radiodifusión

17 feb 2020 . Actualizado a las 13:56 h.

 Celebra o mundo estes días os primeiros cen anos de explotación informativa e comercial da radiodifusión: unha das grandes revolucións do pasado século. Certo que as primeiras probas técnicas atribúense a Guglielmo Marconi en 1896, outros a Nikola Tesla (1893) ou mesmo ao comandante español Julio Cervera (1899), pero as primeiras experiencias de carácter regular, empresarial, promovidas na procura de audiencias con carácter estable, xorden a partir de 1920 en Buenos Aires, nos Estados Unidos de América, nos Países Baixos e na Gran Bretaña (a creación da BBC é de 1922).

Teño diante de min unha fotografía de Eduardo Blanco Amor na capital arxentina sentado a carón dun aparato de radio, un daqueles aparatos que semellaban capelas de ebanistería, cando non mecanismos de ciencia ficción. Disque a fotografía está datada a finais da década dos anos 20. Aínda o escritor non chegara aos trinta. Un lustro despois viaxaría a España, enviado polo xornal La Nación. Desa época é outro retrato no que aparece diante dun micrófono entrevistando a Manuel Azaña. Na fotografía porteña viste como un gentleman: elegante, con botins, traxe cruzado de raia diplomática, gravata de lazo… Pousa diante da cámara cun libro nas mans. Á súa esquerda, detrás, o aparato de radio.

A gran revolución de masas no pasado século XX afinca, sen dúbida, na revolución tecnolóxica da comunicación. A imprenta de tipos móbiles, contra finais do século XV, foi un primeiro paso: o libro e a súa derivada natural, a prensa. Mais a radio e, posteriormente, a televisión foron os avances tecnolóxicos que chantaron as bases do que agora somos: un gran espazo global que transforma o mundo nunha pequena e aceleradísima aldea. Os satélites e, dende o derradeiro terzo daquel século, Internet, puxeron o ramo a un período que debemos considerar o gran momento da revolución das masas, a mundialización da política, a economía, a información, o coñecemento… Tamén o tempo das grandes guerras e os grandes conflitos, que deixaron de ser locais para converterse en universais.

Volvo á fotografía de don Eduardo: a imaxe da modernidade. Ben que o sabía cando mandou que lla fixesen. En 1932 emítense as primeiras experiencias radiofónicas en lingua galega, seccións breves que dirixía na capital arxentina o pontevedrés Manuel Núñez Búa (Radio del Pueblo, Hora Ibero-americana). Buenos Aires competía daquela con Nova York para ver quen había liderar o mundo. Mónica Rebolo estudou este capítulo noso da historia da comunicación, pouco antes de que en Santiago de Compostela se crease a primeira emisora, Radio Galicia-Unión Radio, vencellada ás iniciativas galeguistas a prol do Estatuto de Autonomía da Segunda República. A miña xeración medrou coa radio. A figura de Blanco Amor a carón do aparato é un alegato a prol dos tempos que se anunciaban.