Respecto aos demais

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Lola Herrera dixo: ata aquí. Soportou estoicamente o son dun teléfono móbil mentres ela estaba actuando ata que se fixo insufrible. Parou a función. Tivo que interromper. Despois regresou, porque ela si respectaba ao público, aínda que non fose un xesto bidireccional.

Sentinme representada. Os que traballamos coa palabra non sempre merecemos a consideración e valor do noso traballo.

Hai pouco asistín a unha función teatral destinada a público familiar. Entendo que os nenos poden cansar e non ser quen de manter a atención durante todo o espectáculo, pero o que non se pode é molestar. Unha das miñas fillas sentíase incómoda porque lle custaba manter a atención no espectáculo dado o boureo formado. Os nenos, nenos son. Pero os adultos... teñen un deber con eles mesmos e en representación dos máis pequenos. Se ao espectador lle custa seguir o fío, poden imaxinar o esforzo descomunal que fan os actores para manter a concentración?

Interpretar non é cuspir un texto de memoria cos ollos pechados. É converterse noutra persoa, o que consome unha enerxía inxente. Por iso entendo a Lola Herrera. E paréceme un xesto marabilloso que reiniciase a obra, algo complicado.

Eu visito moitos centros escolares para conversar cos nenos. Ás veces cústame enfiar o discurso. «Ai, pero a ti gústache o que fas!» Claro que me gusta. Pero iso non xustifica que poidan interromperme continuamente.

Midamos o uso dos teléfonos, o volume da voz, as brincadeiras sen graza, os cortes gratuítos, a falta de respecto.