Fervía o sol á hora da merenda. Zume de laranxa e pan con chocolate para atravesar unha nube brillante e tinguir o corpo de moitas cores distintas. Cada tarde, tantos anos, superguerreiros de nivel seis escintilando de emoción antes de facer os deberes. É un gran misterio, é unha conmoción. Parecía doado, pero este Célula non dá morrido. Bulma mira por esa fiestra na que as pingas baten eternamente e a tristura esvara pola pantalla. En pixama ou como sexa, pero temos que buscar as bolas do dragón. Por mares e montañas e polo universo enteiro tentándolle roubar ao dragón milagreiro. Mira Piccoro, que parecía atravesado. Krillin, haiche cousas preciosas nas que se transformar. Son Gohanda, non é malo loitar por unha causa xusta, pero mete os libros na mochila que logo mañá has de chorar. Dispostos a meterse na boca do lobo, aínda que nos devore. E semellaba que Freezer era o inimigo invencible. Non entendo este problema de matemáticas. Voute esnaquizar, miñoca. Trinta anos dun mundo alegre e un país encantado. Onda vital xa! dende o repousabrazos do sofá. Coller o espazo na nube e así poder viaxar, Tensián. Tentarémolo dunha vez, agora xa non hai perigo. Entre todos moi contentos haberémolo atrapar. Remataches con historia? Pois é hora de cear. A ecoloxía aprendéunola un androide con pinta de cachimán. A normalización lingüística foiche a cargo de Toranks.