Eternamente adolescentes

Manuela del Palacio García DECOTÍO

OPINIÓN

ISTOCK

30 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando afrontamos a crianza, a adolescencia é unha das etapas que máis temen os proxenitores. Un período duns cinco anos que cada vez se estende máis, no que os seus límites se dilúen por arriba e por abaixo. Temos unha realidade nas nosas rúas, nos nosos centros educativos, nas nosas familias.

Vemos os nenos e as nenas vestidos como adolescentes que se pasean polo botellón co corpo sabor a granel. Estes días, unha adolescente contábame como se «facía a borracha» para ter unha boa imaxe e ser aceptada polo seu grupo. Con esta anécdota retratamos unha época, a nosa, a que nos toca vivir. Nenos e nenas explotados nas redes sociais polas súas familias, facéndolles aparentar unha idade maior á que realmente teñen, maior que a que realmente lles corresponde.

Os adolescentes son uns privilexiados, son os reis e as raíñas das casas. Quen os contradí, quen lles marca as normas? Como non van estender esta situación máis alá da maioría de idade? Como psicóloga educativa comprobo como hai familias que non poden máis e que tiran a toalla, e non falo de familias desestruturadas. Falo de familias coma a túa e a miña, pero que por ter como obxectivo o mellor para os seus fillos ou as súas fillas acaban por protexelos de maneira excesiva. Unha sobreprotección que provoca unha adolescencia dilatada, que se estende á mocidade, pola ausencia de límites e responsabilidades que prolongan a entrada na madurez.

Se o adolescente salta á mocidade, e non digamos a ser un adulto, que lle espera? Virán as frustracións, porque non poderá independizarse, baterá de fronte cos compromisos e as obrigas e perderá, con isto, os seus privilexios.

Nesa busca do mellor para os fillos e as fillas o exceso de protección resulta prexudicial, pois acabamos tendo unha mocidade eternamente adolescente e incapaz de asumir as responsabilidades que a idade comporta -iso si, tendo en conta que tampouco debemos empurralos a unha adolescencia precoz-. Ao final, na sabedoría popular atopamos a síntese dos procesos que analizamos desde a psicoloxía, co que poderiamos concluír algo así como «cada cousa ao seu tempo».

?Se o adolescente salta á mocidade, e non digamos a ser un adulto, que lle espera? Virán as frustracións e baterá de fronte cos compromisos