Emigrantes invisibles

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai dez anos fora coa miña amiga Neir á exposición La Colonia, na Universidade de Nova York, pensei no fermoso que era que alguén se dedicara a recompilar as imaxes dos españois que emigraran aos EUA había máis dun século.

Os investigadores daquela exposición, James D. Fernández e Luís Argeo, continuaron o seu traballo, e crearon unha pequena obra de arte en forma de libro chamada Invisible Immigrants. Nela deixaron constancia da contribución (aos dous lados do Atlántico) daqueles emigrantes-inmigrantes, e fixéronnos reflexionar sobre as razóns polas que as súas historias se converteran en invisibles.

Cando o ano pasado o Consello da Cultura e a Xunta trouxeran a Nova York a exposición fotográfica Os Adeuses (un emocionante relato sobre o momento de partida da emigración galega), os mesmos investigadores sacaron adiante a exposición As Benvidas, sobre a esperanza na chegada dos novos inmigrantes.