Antes do pin parental hai que educar na casa

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

22 ene 2020 . Actualizado a las 10:01 h.

planificación das actividades docentes nun centro educativo parte dos currículos oficiais aprobados polos gobernos das comunidades autónomas. Plásmase na realidade da aula mediante as programacións didácticas do profesorado, que os pais teñen dereito a coñecer ata nos mínimos detalles. No marco desta organización académica acostuman planearse tamén actividades complementarias, como son as viaxes de estudo, visitas culturais, charlas ou seminarios. Se non teñen lugar fóra do centro docente, son obrigatorias e non precisan da autorización dos pais, razón pola que nace a idea do pin parental, co fin de que se lles solicite permiso previo para levalas a cabo.

Estas actividades forman parte pa programación xeral anual do centro, que coa LOE, lei do PSOE, aprobaba o consello escolar, órgano de representación de toda a comunidade educativa. Pero a vixente LOMCE, do PP, cambiou a palabra «aprobar» por «avaliar», perdendo polo tanto este órgano colexiado a súa capacidade executiva. Non parece coherente que agora os dirixentes deste partido se postulen a favor do citado pin parental, cando vetaron calquera posibilidade de rexeitamento por parte dos pais dun posible adoutrinamento, deixando nas mans do director a aprobación do referido plan anual, pois os informes do claustro e do consello escolar xa non son vinculantes.

O mesmo ocorre co proxecto educativo, expresión máis clara da autonomía do centro, que debe recoller, por lei, os valores e a orientación educativa a seguir. Pero é un documento que na maior parte dos casos non está consensuado por toda a comunidade educativa, resulta ambiguo e non descende ás actividades complementarias concretas que se organizan cada curso. Si debería servir como un dos criterios esenciais á hora de elixir colexio para os fillos, pero a realidade é que apenas se ten en conta, sobre todo nos centros públicos.

Xa que logo, a capacidade das familias para decidir sobre estas actividades e os valores implícitos nelas é no actual contexto case nula. Pero a pregunta clave é: ¿están realmente os pais educando en valores na casa? Se así o fixesen, dedicándolle tempo e atención a esta tarefa, contrarrestarían calquera tipo de adoutrinamento na escola. Ocorre, porén, que por unha banda faise irresponsable delegación de funcións nesta institución e por outra desconfíase dela, desaproveitando as vías de colaboración que existen e mesmo cuestionando a profesionalidade docente.