Non quero ser princesa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

POOL New

Nunca quixen ser princesa. A primeira referencia que tiven delas (como de moitas outras cousas) era a que me pintaban os libros. Xamais anhelei unha vida así. Logo pensei o mesmo das de carne e óso.

A verdade é que sempre me chamou a atención a figura do actual monarca, cando aínda non o era. Preguntábame como faría para vivir a realidade, porque estaba convencida de que todo o que nos deixaban ver dos seus movementos non era a súa existencia. Hai un abismo entre o real e o Real.

Por iso entendo que haxa quen non se adapte a estes formalismos permanentes. Obviamente teñen suculentas prestacións, pero cada balanza persoal é diferente. Hai a quen se lle inclina a un lado e a quen lle vai xusto para o outro.

Por iso podo entender a Harry e Meghan. Podo entender que non queiran levar esa vida. O que xa non sei é se é correcto o xeito de facelo, o momento, o lugar. Quizais quixeron intentalo e non foron capaces de someterse ao xustillo da monarquía. Quizais apertaron en exceso. Quizais rebordaron eles sós. Foi todo tan vertixinosamente veloz que non sei atopar o momento no que se lles fixo máis costa arriba. Mocearon algo, casaron axiña, amañaron unha mansión, tiveron un pequeno, comezaron a desempeñar o seu papel... e non aturaron máis.

A vida de príncipes é moito máis ca vivir nun palacio. É deberse ás esixencias dun guión social. Sempre. Conciliar co privado tampouco debe ser tan doado. Pero as verdadeiras razóns, saberanas eles. O demais é todo espectáculo. E vai comezar.