Fin de ano

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou a fin de ano co seu habitual balance. Dos bos desexos, dos propósitos indispensables e dos que sabemos que non van ir máis aló de pronuncialos... Con eles tamén os múltiples resumos do ano. Os mellores libros, as mellores películas, as actrices e actores, os persoeiros máis salientables, os restaurantes, as cancións... os deportistas, os inventos.

E, todo isto, claro, subxectivo. Porque manda a mercadotecnia, a publicidade, o tempo que un ocupe na televisión, nos anuncios da radio, nas páxinas dos xornais, nos escaparates e nas redes sociais.

Medimos as cousas por gustas, likes e rechíos. Corazonciños que simbolizan se algo chista ou non. Como se tiveramos a obriga de amosar os nosos sentimentos e prioridades.

Eu sempre tiven predilección polos agochos, os lugares tranquilos. Os recunchos que están á vista de todos pero ninguén ve. En Lires, na aldea materna, ía merendar moitas tardes ao mesmo recanto á beira do río. Miraba por un oco da vexetación toda a aldea. Semellaba un Belén. Sentaba nun piñeiro de costas á estrada e desaparecía o mundo.

Iso mesmo me pasa cos libros, películas, fotografías. As máis sinxelas, as que non aparecen nestas listaxes, son as que me chegaron ao corazón. Igual son diferente, igual é que gusta saírme do rego, igual é que os pequenos tesouros son os que non se ven.

Miro cara atrás e busco eses momentos de luz no ano. Hóuboos. E houbo unha historia, un xesto de humanidade, que me conmoveron. Tamén no persoal. Así que para min dan o ano por bo.